Sunday 12 de May de 2024

A Festa da Chuvia regresa por mar e terra


Os días 18 e 19 de marzo regresa a Festa da Chuvia con importantes noticias da man da organización. Para revelar detalles deste evento nacido no ano 2002 compareceron no Centro Cultural Lustres Rivas a concelleira de Cultura, Fabiola García, e Jandro Ayaso en representación da produtora A Casita Records.

Unha das máis importantes novidades reside en que Rianxo súmase a Riveira como escenarios da celebración do evento e, para unir as dúas localidades, o Barco da Chuvia surcará as augas da ría arousá nunha Romería Interportuaria que se celebrará o sábado 19 ao mediodía partindo do Club Náutico con destino á localidade rianxeira. A travesía estará conducida por Xurxo Souto e contará con actuacións en vivo de Quenpallou, Mad Martin, Punkestra Chumeiras, The Dog Rose e o circo Pista 4 e algunhas sorpresas que Jandro Ayaso preferiu non desvelar.

Dron submariño
Ademais, un atractivo extra será a de poder visualizar en directo a través dun dron submariño o pecio do Aries, afundido nas inmediacións da illa de Rúa, mentres as actuacións teñen lugar a bordo.

A intención dos organizadores é que se autofinancie esta actividade por mar e o prezo por poder participar na Romería Interportuaria é de 40 euros (inclúe comida e bebida). Hai xa máis de 80 persoas apuntadas para un barco con capacidade de ata 150 pasaxeiros. Interesados: http://www.acasitarecords.es/

Tanto a vila rianxeira como a cidade riveirense disfrutarán o sábado dun completo conxunto de actividades coa activa colaboración, oo primeiro caso, das Guadalupeñas e, no segundo, do Concello de Riveira, que se implica na organización das actividades de terra no noso municipio.

Así, tocante ao noso concello, unha vez regrese a Riveira o Barco da Chuvia haberá un pasarrúas ás 21 horas por parte de A Maginifique Bande dos Homes sen Medio e, a partir das 22 horas diante da sala museo municipal, as actuacións de O Ollomol e The Fabulous Resaka Brothers, dúas bandas que serán presentadas por Xurxo Souto.

Ademais, os días 18, 19 e 20 haberá degustacións de tapas, concertos e moitas sorpresas nos locais hostaleiros colaboradores (por agora hai 8 pero o prazo segue aberto) identificados co paraugas da chuvia.

No que se refire a Rianxo, a festa xa dará comezo o venres día 18 cun concerto de Punkestra Chumeiras (0h) e DJ Peri (1h) no Campo de Arriba, mentres que o sábado haberá dende o mediodía pasabares e animación de rúa con charangas e xogos juadalupeiros na praza de Castelao e o paseo da Ribeira, ademais de degustación de tapas en distintos establecementos de hostalería e actuacións en locais.